Sunday 28 de April de 2024

A Xunta elaborará unha guía de boas prácticas para mellorar a integración paisaxística cos máis de 120 portos autonómicos


— Os traballos para a redacción deste documento, recollido no Plan estratéxico da paisaxe galega 2021-2024, comezarán este mesmo ano cunha diagnose do estado actual das instalacións portuarias

— Ángeles Vázquez e Rosa Quintana defenderon que as instalacións portuarias deben ser “funcionais e prácticas” pola actividade que acollen, pero deben conservar a beleza da contorna

— Na actualidade existen nove publicacións deste tipo para fomentar a recuperación dos espazos degradados e ponderar o valor das paisaxes urbanas e rurais de Galicia

Xunta de Galicia inicia a redacción dunha guía de boas prácticas para mellora a integración paisaxística dos máis de 120 portos autonómicos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Enrique Urcola, asinaron esta mañá en Porto do Son o convenio de colaboración para a redacción deste manual con recomendacións, que está incluído no Plan estratéxico da paisaxe galega 2021-2024.

Así, o Instituto de Estudos do Territorio —dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda—, Portos de Galicia —Consellería do Mar— e o Colexio traballarán na redacción deste novo manual, unha guía de recomendacións básicas, para evitar o impacto na paisaxe das instalacións portuarias da Xunta de Galicia. Os traballos comezarán este mesmo ano cunha diagnose do estado actual instalacións portuarias. A previsión é dispoñer deste manual, no que se investirá un orzamento de 40.000 euros, no ano 2022.

Ángeles Vázquez salientou que este proxecto responde ao obxectivo de fomentar a recuperación dos espazos degradados, poñer en valor e conservar as paisaxes rurais, urbanas, costeiras e de interior, é dicir, “todas as paisaxes de Galicia, que son abundantes en cantidade e calidade”.

A conselleira do Mar, pola súa banda, subliñou que a integración entre as vilas e os portos é fundamental para o seu desenvolvemento e que nela deben terse en conta os aspectos paisaxísticos. Por iso, asegurou que esta guía vai permitir adecuar e protexer os peiraos galegos para facelos máis atractivos tanto para os veciños e usuarios como para os visitantes.

Con esta ferramenta, engadiu Rosa Quintana, Galicia contará cunha diagnose e cunha proposta de como actuar para protexer todo o que os portos teñen de patrimonio e de paisaxe. Este labor, salientou, contribuirá a mellorar a imaxe dos portos, a visión do sector e o seu atractivo patrimonial, etnográfico, turístico e cultural.

Ambas conselleiras coincidiron en que as instalacións portuarias deben ser “funcionais e prácticas” pola actividade que acollen, pero tamén se debe conservar a beleza da contorna, así como un equilibrio nas estruturas e infraestruturas.

Apostar por unha integración paisaxística dos espazos portuarios é poñer en valor a excepcional paisaxe que conforman as dársenas e terreos anexos ou auxiliares, vinculados ás diferentes actividades —lonxas, talleres, almacéns, cafeterías, etc.— que se atopan no ámbito portuario e, en consecuencia, dar un pulo á calidade de servizos dos traballadores e usuarios.

A conselleira de Medio Ambiente lembrou que a Xunta leva anos traballando na elaboración de guías específicas para mellorar a xestión, ordenación e conservación das paisaxes de Galicia. Todas están dispoñibles de xeito gratuíto na páxina web do Instituto de Estudos do Territorio.

Recordou que a primeira guía publicada, no ano 2012, foi a de estudos de impacto e integración paisaxística; a que lle seguiron oito títulos máis. No ano 2020 publicáronse os dous últimos: a guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos e a de integración de actividades extractivas. O investimento destinado á elaboración das guías, entre as que se xa se publicaron —un total de nove— e as que están en elaboración, é de máis de 400.000 euros.